Nadine Khouri presenta o seu disco debut “The Salted Air”. A artista libanesa afincada en Londres dará en Ferrol o seu primeiro concerto na península.

“The Salted Air” é o primeiro traballo longo de Nadine Khouri, producido e gravado por John Parish (colaborador, produtor e músico habitual de Pj Harvey e que xa a invitou a poñer voz a algún dos temas do seu disco “Screenplay”), mostra a unha artista influenciada polo dream pop, polas bandas sonoras de Barry Adamson e polo spoken word. Esa voz, próxima á de Hope Sandoval ou Stina Nordenstam, espectral, cálida, delicada, é a que determina as composicións da libanesa que desde premisas basicamente acústicas crea atmosferas de soño e perturbadoras.

Con invitados de luxo como o propio Parish ou Adrian Crowley, o disco de Nadine Khouri convértese nunha das primeiras xoias que nos regala o 2017. Unha xoia que escintila cálida e que coloca a Khouri como unha das voces máis suxestivas da actualidade. Cancións como “Broken Star” ou “You got a Fire” remiten á Julee Cruise de Twin Peaks, emocións a flor de pel, outras como “Catapult” ou “Thru You I Awaken” case a capella, son dunha fraxilidade inquedante.

Día: Mércores 15 de febreiro de 2017.
Recinto: Centro Cultural Torrente Ballester (Ferrol)
Hora: 21:00 h