O músico e compositor uruguaio presenta en narón Salvavidas de hielo, unha das súas maiores xenialidades.

Jorge Drexler –gañador do premio Óscar á mellor canción orixinal en 2004 co seu tema “Al otro lado del río”– chega a Narón inmerso na xira Silente. Propón un concerto en solitario, o retorno a un dos seus formatos máis celebrados: unha guitarra e unha voz combinados coas ferramentas contemporáneas para xerar paisaxes sonoras e visuais ao servizo da forma máis inmediata das súas cancións.

Silente chega tras unha extensa xira de cen concertos en 13 meses, presentando xunto coa súa banda o último traballo de estudo Salvavidas de hielo. É este un disco gravado unicamente con sons de guitarras, un reto que parecía complicado pero do que resultou un álbum brillante, cheo de ritmo, experimentación e melodías das que xurdiron grandes cancións.

Salvavidas de hielo pasou xa por 17 países e 80 cidades, onde o viron máis de 150.000 persoas. A finais de 2018 recibiu tres premios Grammy, incluíndo canción e gravación do ano por “Telefonía”, tema incluído neste disco.