Proposta musical de calidade nun festival que trae a Ferrol un cartel de luxo: La Bien Querida, Airbag, Tachenko e Superglú.

A aposta local desta edición de Setembro é un quinteto de música indie pop con distintas influencias, que naceu en 2014. Son Superglú, os encargados de inuagurar o festival presentando o seu primeiro EP de estudio, Revoglúcion.

A continuación subirá ao escenario a banda aragonesa Tachenko. Os seus temas retratan a vida en xeral, a vida sinxela, a que caracteriza cada disco do grupo formado por Sergio Vinadé, Sebas Puente, Alfonso Luna e David García. Hai uns meses sacaron á rúa El don del vuelo sin el arte hermano del aprendizaje, o que é o seu oitavo álbum.

Airbag, trío malaguño con vinte anos de traxectoria ás súas costas, tamén estará no campus de Esteiro. Teñen gravado unha decea de discos e outros tantos eps. Estrean Cementerio Indie, o seu último álbum. Sorprende o seu irrefreable directo.

O broche de ouro corre a cargo de Ana Fernández-Villaverde, líder de La Bien Querida, que cativou a miles de melómanos e os seus discos son altamente apreciados polo público espñol. As súas cancións parten dun principio sinxelo pero teñen unha beleza que desarma. Son, ao fin, marabillosas poesías de amor e desamor.