Osmose da gran Mercedes Peón chega ao Teatro Jofre de Ferrol o vindeiro sábado 11 de xuño. Reserva data e atenta a saída das entradas en www.udra.gal ou na billeteira do Teatro Jofre.

Mercedes Peón é unha artista multidisciplinar, compositora e investigadora. A súa primeira formación musical vén do percorrido polas aldeas
durante vintecinco anos, recibindo e formando parte da transmisión colectiva da memoria oral e corporal. Ao longo da súa traxectoria publica cinco discos cos que percorre Europa, EE.UU e Australia participando en máis de catrocentos festivais ao redor do mundo, tres BSO para cine e, cinco espazos sonoros para pezas escénicas de danza.

Realiza diferentes traballos compositivos, sonoros e musicais no ámbito da danza en proxectos como O Quiosco dás almas perdidas do Centro Coreográfico Galego. Concerto desconcerto da compañía Entremáns, Sólodos de Maruxa Salas, El canto de los Caballos de Lipi Hernández, Mercedes mais eu con Janet Novás e no cinema coas BSO da documental Liste, pronunciado Lister, a curtametraxe Cienfuegos 1913 e a película Nación Margarita Ledo Andión. Na actualidade traballa compoñendo a BSO da vindeira película de Ángeles Huerta O Corpo Aberto.

 

OSMOSE é a primeira peza híbrida de Mercedes Peón, unha proposta audiovisual, performativa e musical na que se acompaña das artistas Peque Varela e Laura Iturralde.

A osmose é un fenómeno físico polo que unha materia medra ou muda de densidade ao pasar a través dunha membrana. Facendo metáfora,
Mercedes Peón constrúe un relato crítico sobre os efectos do capitalismo nas nosas vidas.

As protagonistas son as traballadoras das fábricas de Pontesa e das conserveiras galegas, persoas que proveñen de microhabitats autosuficientes, onde os corpos pre-xénero vivían en acordos de creación colectiva.

Osmose é unha mirada ao proceso do cambio de densidade, do desaxuste e do reaxuste consciente, que non abatido, destas formas de vida ás lóxicas impostas do capital; unha homenaxe ás súas resistencias, e tamén unha reflexión sobre a dor de decatarse que estas novas formas suponen un cambio radical no xeito de entender a vida.

 

A proposta escénica de Peón é tamén un diálogo colectivo a través de imaxes do seu arquivo persoal xunto co traballo visual de Peque Varela, o relato fílmico da película Nación, de Margarita León Andión, e a arquitectura lumínica de Laura Iturralde.

Unha intervención lumínica en directo permite ás artistas improvisar, emocionar e crear unha dramaturxia sonoro-visual conmovedora na que
a membrana que presenta Osmose apoia e adquire un protagonismo central.

Mercedes Peón profundiza na súa relación co eido cinematográfico a través dunha proposta política na que o seu corpo se dilue ante os materiais artísticos: as imaxes cinematográficas das mulleres da fábrica de Pontesa, do sindicato OTTS (Organización de traballadoras e traballadores do Salnés), do arquivo persoal de Mercedes Peón e da loita resistente da aldea das Encrobas.

GL