O sábado 13 de agosto a Praza Maior de Viveiro acollerá ás 22:00h a presentación do novo traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Este concerto está dentro da programación de festas de Viveiro con entrada de balde.

A renovación da tradición galega

O músico coruñés Xabier Díaz conclúe unha triloxía personalísima en compañía de As Adufeiras de Salitre co seu álbum As Catedrais Silenciadas. Este traballo culmina un proceso que comezou no ano 2015 e no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres
vocalistas e percusionistas.

Nestes seis anos apenas quedan aldeas de Galicia que non fosen visitadas polo músico. As súas composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e, doutra banda, dándolles o seu toque particular. A súa música, as influencias doutras latitudes e as súas novas letras aportan frescura a unha materia prima propia do noroeste.

Este último traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasodobres como No Salón das Cereixas, xotas como Illas de Sal, alalás como o tema que da título ao disco, ribeiranas como Tentenublo e muiñeiras e agarrados como o de Vilar de Cabeiras 2.0.

O disco está a colleitar os mellores datos históricos para o proxecto: tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines (número de agosto-setembro). Nela, os editores escollen os 10
mellores discos de cada mes en todo o mundo.

A Transglobal World Music Charts, unha das listas máis recoñecidas, incluiu As Catedrais Silenciadas no seu ránking de mellores discos 2020-2021: no número 28 do mundo e no número 1 da Península Ibérica.

XABIER DÍAZ: MÁIS DE TRES DÉCADAS DE MÚSICA

Dos primeiros sopros de Xabier Díaz (A Coruña, 1969) a unha gaita nos albores dos 80 ata As Catedrais Silenciadas pasaron case 40 anos. A curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon, tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames… hoxe é un dos nomes propios da música tradicional galega. Formou parte do célebre conxunto Berrogüetto entre 2008 e 2014. Paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto, co que publicaron dous discos.

Ten recibido numerosos premios polo seu traballo, como o da Música Independente ao mellor álbum en galego en 2016, o premios Martín Códax no apartado de música tradicional 2016 ou o Premio Rebulir 2021 da Cultura Galega na categoría de Música. As Catedrais Silenciadas é o seu terceiro traballo coas Adufeiras de Salitre, logo de The Tambourine Man e Noró. Os tres discos gozaron dun gran recoñecemento da crítica especializada e do público, cun destacado éxito de vendas e repercusión na World Music.

O seu último traballo estivo tres meses no Top Ten da WMCE e acadou o Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no pasado 2020. As súas actuacións levárono por numerosos países de Europa, África e América. Entre outros, actuou en Cuba, México, Perú, Italia, Irlanda, Suiza, Zimbawe…

E nos últimos anos, o proxecto coa banda tivo unha gran proxección internacional, visitando Arxentina, Uruguai, Alemaña, Escocia, Inglaterra, Francia, Bélxica, Suecia, Noruega, Portugal, Holanda, Arxelia…

GL